II edición de #ParqueVibras. Convértete no influencer dos Parques Naturais

Volve #ParqueVibras, o concurso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para dar a coñecer os Parques Naturais de Galicia entre o estudantado da ESO de forma creativa, dixital… e moi vibrante!

Tras o éxito da primeira edición, que chegou a 464 centros –implicando a 500 alumnos das catro provincias– lanzamos a segunda convocatoria.

Por iso, se cursas terceiro ou cuarto da ESO nalgún centro galego, gústanche as redes sociais e, ao mesmo tempo, queres implicarte na defensa do noso patrimonio natural, este concurso é para ti. Convértete no influencer dos Parques Naturais de Galicia.

Como participar? Vídeos en IG, TikTok ou YouTube

A mecánica é moi sinxela: deberás crear un vídeo pensado para Instagram, TikTok ou YouTube sobre algún destes seis parques naturais:

  • Parque Natural Fragas do Eume
  • Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
  • Parque Natural Monte Aloia
  • Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
  • Parque Natural O Invernadeiro
  • Parque Natural Serra da Enciña da Lastra

Premios: unha excursión coa túa clase a un dos seis Parques Naturais de Galicia

O premio da segunda edición de #ParqueVibras será unha excursión con toda a túa clase a un dos seis Parques Naturais que elixas. Haberá un máximo de cinco galardóns: un por cada provincia + ao vídeo máis viral. Así que forma equipo ou faino individualmente, investiga sobre estes espazos, pon en marcha a túa creatividade, dálle ao Rec e crea un vídeo ben chulo no que transmitas a súa importancia ambiental, cultural ou social…

Datas clave: inscrición e recepción de vídeos

O prazo de inscrición comeza o 17 de novembro e pecharase o 19 de decembro. Para poder anotarse precísase a colaboración dun docente responsable (pode ser o titor, o profe de Bioloxía, o xefe de estudos do centro, a directora… Non importa o cargo nin a área).


Os vídeos deberán enviarse antes do 6 de febreiro de 2026 e o anuncio dos finalistas farase o 27 de febreiro. A gala de entrega de premios celebrarase na semana do 6 de abril. Marca estas datas no teu calendario e participa!