A Serra da Enciña da Lastra é o máis novo dos seis Parques Naturais de Galicia. Trátase dunha zona moi diferente ao resto do territorio galego, cun clima moi similar ao mediterráneo. Neste parque natural podemos atopar ata 25 especies de orquídeas e preto dun centenar de covas. Sabías que a unha delas accédese en barca a través dun encoro?
Onde está?
No concello de Rubiá, na comarca de Valdeorras, provincia de Ourense. Trátase da fronteira natural entre Galicia e a provincia de León. A súa extensión é de pouco máis de 3.000 hectáreas. Este parque natural está rodeado de varias aldeas, como Oulego, Porto ou Biobra, que é onde se sitúa unha das entradas ó parque.
Un centenar de covas
Este parque natural destaca polas súas formacións xeomorfolóxicas de orixe calcáreo. A pouca dureza das rochas, xunto coa acción do vento e a auga, facilitaron a formación de grutas naturais chamadas “palas”. De feito, nesta zona está a maior concentración de covas censadas de Galicia, con preto de cen. Moitas delas é posible visitalas, pero é necesario solicitar previamente un permiso a Patrimonio Natural (pode realizarse a través do correo servizo.conservacion.natureza.ourense@xunta.es). A unha delas, a Pala Pumbeira, accédese en barca a través do encoro de Penarrubia.

Peculiaridades da Serra da Enciña da Lastra
A Serra da Enciña da Lastra destaca por ser única en moitas cuestións:
-
- Conta coa maior extensión de aciñeiras de Galicia. Entre elas destaca a enciña das cortiñas, unha árbore senlleira cunha altura de 18 metros e un perímetro que supera os seis metros. Calcúlase que a súa idade ronda os 500 anos.
-
- Alberga unhas 25 especies de orquídeas, a maior representación do territorio galego.
-
- Ten diferentes prantas aromáticas, como tomiño, ourego ou cantroxo.
-
- Da súa riqueza floral (máis de 450 especies), polo menos 40 son endémicas da Península (máis de metade atópanse ameazados en Galicia).
-
- Nel aséntase a colonia de morcegos máis rica de Galicia.
A maior comunidade de aves nidificantes de Galicia
A Serra da Lastra conta con máis de 1.700 hectáreas de zona de protección para as aves, o que se coñece como ZEPA. A diversidade de hábitats posibilita que máis de cen especies nidifiquen nela. Ademais, a orografía do parque, con canóns e cantís, favorece o asentamento de aves rapaces, como aguias reais, aguias cobreiras, aguias perdigueiras, voitres brancos, bufos reais ou falcóns peregrinos. No parque tamén hai varias parellas de vencello real, representando a única poboación desta especie no interior de Galicia.

Rutas recomendadas
O parque conta con dez rutas habilitadas de dificultade baixa, media e alta. Entre as máis recomendadas para unha primeira visita:
-
-
- Ruta Val do Sil: os seus cinco quilómetros recórrrense aproximadamente en hora e media/dúas horas. Pasa por diferentes miradoiros desde os que poder observar a paisaxe, sendeiros entre aciñeiras castiñeiros e aldeas como a de Covas, onde está a aciñeira das Cortiñas.
- Ruta Tras os Penedos: é a ruta máis asequible, con só 1,5 quilómetros que se percorren en trinta minutos. Comeza na área de descanso de Caprada, desde onde hai unhas vistas únicas dos Penedos de Oulego. O camiño transcurre entre xestas, uces, piñeiros, castiñeiros e cerdeiras.
- Ruta do Real do Oulego: unha ruta lineal de catro quilómetros que comeza en Oulego e que vai a carón do río Galir. Avanza por zonas agrícolas cultivadas, varias pontes e bosques con salgueiros, amieiros e freixos.
-
No Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra viven teixugos, lontras, gatos bravos e eta lobos. É un espazo moi diferente ao resto de Galicia que agarda a que o descubras. Será o teu destino se gañas o concurso #ParqueVibras?

