Os Parques Naturais
Descubre os seis Parques Naturais de Galicia
Bosques, montañas, lagoas, dunas… estes son algúns dos tesouros que podes atopar nos Parques Naturais de Galicia, e calquera pode ser o protagonista do teu vídeo. Cal é o que está máis preto da túa casa? Cal che gustaría coñecer con toda a túa clase?
A continuación, contámosche o que debes saber de cada un deles, pero antes…
Que é un parque natural?
Un parque natural é unha área natural pouco transformada polas actividades humanas cuxa conservación merece unha atención preferente. Isto pode deberse á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas, a singularidade da súa flora e fauna ou á súa diversidade xeolóxica.
Na actualidade en Galicia existen seis parques naturais.
Fragas do Eume
As Fragas do Eume, na provincia da Coruña, son o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. Aquí conviven numerosos mamíferos, aves, invertebrados e 28 especies de fieitos que persisten agochadas desde que os últimos dinosauros se extinguiron.
Pasear polo canón do río Eume ata o mosteiro de Caaveeiro é unha experiencia inesquecible.
Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
Unha duna móbil de máis dun quilómetro de longo e dúas lagoas, unha de auga doce (Vixán) e outra salobre (Carregal), forman este parque natural na costa da Coruña, fogar de paso de multitude de aves que aniñan nel, coma o alavanco real.
As vistas desde o miradoiro de Pedra da Ra, co Parque Nacional das Illas Atlánticas ao fondo, non teñen desperdicio.
Monte Aloia
Monte Aloia, na provincia de Pontevedra, ten dúas distincións: foi o primeiro parque natural de Galicia e tamén é o máis pequeno dos seis que hai na comunidade.
As vistas panorámicas dende o Alto de San Xiao (631 m) e unha extensa rede de camiños, miradoiros e merendeiros, convérteno nun lugar ideal para gozar da natureza.
Baixa Limia-Serra do Xurés
O parque natural máis grande de Galicia, na provincia de Ourense na raia con Portugal, ofrece unha paisaxe que conxuga serras agrestes e suaves, onde podes atopar bolos graníticos e miliarios da antiga Vía Nova romana.
Fogar de 150 especies de aves diferentes, este parque é aínda máis incrible porque conforma, xunto co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês, a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
O Invernadeiro
Nas montañas do Invernadeiro, no interior da provincia de Ourense, hai picos de máis de 1.600 metros e son fogar de corzos, cervos ou cabras bravas.
Neste parque natural non hai poboacións humanas, por iso, o silencio é moi especial. Pero non sempre foi así; de feito, ten un patrimonio etnográfico e industrial moi interesante.
Serra da Enciña da Lastra
Na Serra de Enciña da Lastra, en Ourense, é posible admirar unha aciñeira que é recoñecida como árbore senlleira, ou xogar a recoñecer algunha das 25 especies de orquídeas que medran aquí.
Ou, se o prefires, tamén podes subir a algún dos 9 miradoiros do parque para gozar coas impresionantes vistas panorámicas. Que che apetece máis?

