É o único Parque Natural de Galicia no que non hai poboacións humanas. O único tamén que pertence á administración. Desde #ParqueVibras viaxamos ata O Invernadeiro, un lugar único para desconectar e gozar da natureza. Anímaste a madrugar un pouco para poder ver corzos, voitres negros e ata lobos?
Onde está?
O Invernadeiro sitúase na provincia de Ourense, na parte sur do Macizo Central. Pertence aos concellos de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa, Laza e Castrelo de Val, que é por onde se accede (por Campobecerros). Ten unha extensión de algo máis de 5.700 hectáreas, picos de máis de 1.600 metros e está conformado polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena.
Como acceder?
Para ir ao Invernadeiro é necesario solicitar permiso en Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente. Pódese facer na súa sede na cidade de Ourense ou a través de internet. Establécese un máximo de 30 visitas ao día (en caso de ser laboral) ou 50 en datas festivas. Ademais, dende o 15 de novembro ata o 15 de marzo o Centro de Recepción de Visitas está pechado.
Rutas recomendadas
No Parque Natural do Invernadeiro temos seis rutas habilitadas. Son todas circulares –excepto unha lineal– de dificultade baixa, media e alta e unha duración de entre unha hora e media e sete horas. Para unha primeira visita unha das máis recomendadas é a ruta da Aceveda, o primeiro sendeiro azul da provincia de Ourense. Comeza nas casas da Ribeira Pequena e, ao longo dos seus oito quilómetros, vai atravesando bosques de ribeira e piñeirais con varios miradoiros desde os que poder observar a fauna.

Que podemos ver no Invernadeiro?
O Invernadeiro é un lugar de gran valor paisaxístico, botánico e faunístico. Nel podemos observar carballeiras, bosques de acivros, varios tipos de uceiras… Respecto á fauna acolle a máis de 40 especies de mamíferos, como cabras bravas, corzos, cervos, lobos ou lebres ibéricas; peixes, como a troita, o cacho ou a boga do Douro, e aves coma voitres, falcóns ou aguias reais.
Curiosidades
No pasado os terreos deste parque pertenceron a Papelera Española. Calcúlase que máis de 400 veciños da comarca de Monterrei traballaron nas súas instalacións, principalmente en tarefas de plantación de piñeiros. Actualmente consérvanse varios edificios deste pasado industrial do parque, como varias casetas de vixilancia, unha turbina eléctrica, o actual Centro de Recepción de Visitantes… Un dos edificios máis significativos é a antiga cantina-economato onde comían os obreiros, reconvertido nun museo no que podemos apreciar como era a vida no Invernadeiro fai máis de 70 anos.

O Parque Natural do Invernadeiro é un deses lugares que merece moito a pena coñecer. Será o destino dos gañadores do concurso #ParqueVibras?

