Monte Aloia: o primoxénito dos Parques Naturais de Galicia

Parque Natural Monte Aloia

É o primoxénito dos Parques Naturais de Galicia e, ao mesmo tempo, o máis pequeno dos seis. Descubre con #ParqueVibras o Monte Aloia, un lugar con restos prehistóricos e romanos e unhas vistas impresionantes sobre o río Miño. Máis do 80 % da súa superficie é arborada.

Onde está?

O Parque Natural Monte Aloia sitúase no concello de Tui (a media hora de Vigo). Forma parte da Serra do Galiñeiro e a súa extensión é tan só de 746 hectáreas, o que o converte no máis pequeno da comunidade. Os terreos son propiedade da entidade local menor de Pazos de Reis e da comunidade veciñal de montes en man común da parroquia de Rebordáns. Para acceder a el non é necesario ningún permiso especial.

O parque natural pioneiro de Galicia

O Monte Aloia é parque natural desde o 4 de decembro de 1978. Nesta declaración xogou un papel relevante Rafael Areses Vidal (1878-1953), un enxeñeiro de montes natural de Tui impulsor dos primeiros viveiros forestais de Galicia, dos cales un estivo no Monte Aloia. Ademais, promoveu a súa reforestación e posta en valor. A súa singular casa, construída no ano 1921, é actualmente o centro de visitantes do parque.

Miradoiros: prepara o teu móbil para unhas vistas únicas

Unha visita ao Monte Aloia ten garantido unhas vistas privilexiadas dos vales dos ríos Miño e Louro. Ao longo dos seus roteiros hai varios miradoiros desde os que conseguir unhas imaxes únicas para subir as túas ST de Instagram ou TikTok.

    1. González Páramos ou Alto de San Xiao (altitude de 631 m): conta cunhas vistas excepcionais xa que se poden ver as illas Cíes e Ons, ademais da serra do Galiñeiro.
    2. Enxeñeiro Rafael Areses (633 m): subir ata aquí posibilita gozar dunha panorámica sobre o Miño, a vila de Tui e o norte de Portugal. Aséntase sobre unha rocha que formaba parte dunha antiga fortaleza.
    3. Gran Cruz (630 m): é o punto máis alto do parque, o cal permite ter unhas panorámicas extraordinarias do Miño, Tui e, incluso, nos días máis despexados, do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
    4. Celta (604 m): outro lugar desde o que divisar o val do Miño, Tui e terras lusas. Atópase na ruta da muralla.
    5. O Castelo (618 m): situado sobre unha gran rocha, desde del divísase a ría de Vigo ou o monte Santa Trega.
    6. Oliva (564 m): accédese a el polo sendeiro do mesmo nome. Ofrece unhas gran vistas do val de Tui.

Parque Natural Monte Aloia

Fauna: gran representación de anfibios

O máis destacado da fauna deste parque natural son os anfibios pola súa abundancia e diversidade xa que nel habitan 11 das 14 especies coñecidas en Galicia, destacando as píntegas, o tritón ibérico e o xaspeado, así como dous endemismos ameazados: a píntega rabilonga e a ra patilonga.

Entre os mamíferos que habitan no Monte Aloia destacan o esquío, a xeneta ou o raposo, ademais de cabalos bravos. Nas aves, diferentes tipos de ferreiriños, mouchos e aves rapaces diurnas, como o gabián, o miñato común ou o azor.

Patrimonio arqueolóxico

Ademais do seu valor natural, o Parque Natural Monte Aloia destaca polo seu patrimonio material. O castro do Alto dos Cubos, parcialmente reconstruido, varias mámoas e petróglifos, son algúns dos exemplos. Un dos elementos máis destacados é unha muralla ciclópea, de pedra, de máis de 3000 metros de lonxitude. Non se sabe con certeza cal é a súa orixe, aínda que o máis posible é que fora construida en varias etapas (romana, sueva, invasión francesa).

A casa deseñada polo enxeñeiro Rafael Areses, de 1921, actual centro de interpretación, e a capela de San Xiao, reconstruida en 1713 sobre un antigo templo románico, son actualmente as edificacións máis salientables.

Casa do enxeñeiro Rafael Areses Vidal Parque Natural Monte Aloia

O Parque Natural Monte Aloia conta con oito rutas autoguiadas; a maioría son de dificultade baixa ou media e transcurren entre muíños de auga, miradoiros, bosques de ribeira e regatos. Será unha delas a que escollas cando gañes o concurso #ParqueVibras?