Pasamos á seguinte fase. Grazas a todos por participar en #ParqueVibras

Grazas por participar

Contidos subidos, hashtags engadidos e a conta oficial do concurso etiquetada (@parquevibras). Tódolos vídeos participantes en #ParqueVibras están xa publicados nas súas respectivas redes sociais. O estudantado de 3º e 4º da ESO de Galicia fixo un traballo excelente e agora toca gozar das súas creacións. O desafío era grande, falar dos Parques Naturais de Galicia e a súa conservación sen, en moitos casos, viaxar ata algunha destas contornas. Pero os nosos mozos son creativos, innovadores e resolutivos, e atoparon decenas de maneiras diferentes de transmitir a súa mensaxe e, de paso, entreternos.

Na selección de vídeos temos entrevistas a pé de rúa, viaxes no tempo, musicais, superheroes, efectos especiais… en fin, gústeche o xénero que che guste, no hashtag #ParqueVibras atoparás un vídeo para ti. Ideado e gravado no Parque Natural de Corrubedo, no Monte Aloia, no Xurés… pero tamén no centro de Ourense, nos corredores dun colexio ou no coche da tía favorita dunha das protagonistas. 

Entre os nosos participantes hai docentes e estudantes das catro provincias galegas. Un grupo moi numeroso de apaixonados da natureza que co seu esforzo están a coidar do noso patrimonio natural.

Mentres botas unha ollada á carteleira, non esquezas darlle like, comentar ou compartir os teus vídeos preferidos. O xurado elixirá o contido máis creativo e o de maior valor divulgativo, pero o premio ao máis viral está nas túas mans!

Pola nosa banda, nos vindeiros días contarémosvos quen serán os integrantes do xurado que terán a difícil tarefa de elixir os 12 vídeos finalistas. Ata entón, enche o bol de flocos de millo e busca o hashtag #ParqueVibras

Ah! Non marches aínda! Falta o máis importante.Grazas a todos: centros, docentes e, sobre todo, estudantes, por participar no noso concurso. 💚💚💚