É un dos últimos bosques atlánticos de fraga autóctona que se conservan en Europa. Nel podemos atopar especies de fieitos do período terciario (despois da extinción dos dinosauros), máis dun centenar de especies de aves e máis de 240 de liques. Descubre con #ParqueVibras as Fragas do Eume, un lugar máxico e único.
Onde está?
No nordeste da provincia da Coruña, na comarca do Eume, entre as rías de Ares-Betanzos e a serra da Loba. En concreto, este espazo pertence a cinco concellos: A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Monfero e Pontedeume. Conta cun Centro de Interpretación en Ombre (Pontedeume), outro na Capela e un terceiro en Monfero.
Grandes masas forestais
As máis de 9.100 hectáreas deste parque natural sitúanse no val do río Eume, formando un dos ecosistemas máis ricos e mellor conservados de Galicia. O 80 por cento da superficie está cuberta por bosque autóctono, destacando as súas carballeiras, soutos, bidueirais, abeleiros e exemplares de freixos. Se baixamos un pouco a vista podemos ver máis de 20 especies de fieitos, liques e máis de 160 especies de fungos.

Fieitos da época prehistórica
A humidade deste val, xunto coa presenza de carballos e abeledos por debaixo dos 400 metros, fixo posible que se convertera nun refuxio único para moitas especies de fieitos, algunhas delas ameazadas. Aquí podemos ver exemplares de Culcita macrocarpa, unha reliquia do período terciario (fai máis de 2,6 millóns de anos). Outros exemplares case exclusivos deste parque natural son o Dryopteris guanchica, Cystopteris viridula ou Vandeboschia speciosa.
A flora liquénica tamén é insólita: nas Fragas catalogáronse 243 especies, das cales 24 son raras ou descoñecidas no resto do territorio español.
Máis dun centenar de aves
Este bosque alberga 200 especies de vertebrados, entre as que destacan máis dun centenar de aves. Entre as rapaces están o azor, o gabián, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, que conviven con bufos reais, andoriñas, corvos, merlos e lavandeiras reais. Entre os mamíferos podemos citar a marta, a lontra, a musaraña de auga ou o gato bravo. En canto á herpertofauna (conxunto de anfibios e réptiles) nas Fragas viven unha importante poboación da píntega rabilonga, así coma limpafontes, ras patilongas, lagartos das silveiras e a lagarta da serra.
O mosteiro de Caaveiro
Sen dúbida é un dos grandes símbolos das Fragas do Eume. O mosteiro de Caaveiro, cuxos orixes remóntanse ao século IX, albergou no seu inicio unha comunidade de monxes benedictinos, que despois deron paso a coengos regulares de Santo Agostiño. Da construción románica orixinal só se conserva o ábside; da época barroca a Torre das Campás (século XVIII).

Rutas
Antes de visitar o parque é importante consultar a súa páxina web xa que, dependendo da época do ano, non se pode pasar con coches entre o Centro de Interpretación de Pontedeume e a ponte de Santa Cristina, cerca de Caaveiro (dispoñible un servizo de autobuses).
No Parque Natural das Fragas do Eume hai habilitadas oito rutas, de dificultade baixa, media e media/alta e unha duración de entre 2,5 e 8,5 km. Recomendámosche tres delas:
- Camiño dos Corzos: é a máis curta de todas, con só 2,5 kilómetros. Comeza na Portela de Montelongo (Monfero), transcurrindo por zonas de matogueiras, pastos e unha fraga de bidueiros.
- Senda dos Encomendeiros: con 5,5 kilómetros, pasa por varias pontes sobre o río Eume, o mosteiro de Caaveiro e tramos espectaculares do bosque de ribeira.
- Camiño da Pasada Vella: unha ruta circular que se percorre nunha hora e media e que empeza na torre de San Bartolomeu (Monfero), bordea a Pena dos Mouros e chega ata un encoro.
As Fragas do Eume son moito máis ca un espazo natural: é un refuxio da biodiversidade, historia e maxia. Será o parque que escollas para visitar da man de #ParqueVibras?

