Día da estrea, colle flocos de millo e desfruta! Hai para tódolos gustos

Xa viches os fantásticos vídeos que crearon os estudantes que participan no noso concurso? Aínda non? Pois corre a Instagram, YouTube ou TikTok, teclea o hashtag #ParqueVibras, e desfruta! Tes unha selección para tódolos gustos. 

Os alumnos de 3º e 4º da ESO que xa publicaron os seus vídeos sobre os Parques Naturais de Galicia fixeron ben os deberes e descóbrennos unha chea de cousas interesantes sobre estas contornas. Por exemplo, sabías que o mazarico, ademais dun concello na provincia da Coruña, é un paxaro que atopa refuxio na duna de Corrubedo? E que as Fragas do Eume teñen un total de 60 quilómetros de sendeiros?

En canto aos formatos, hai un pouco de todo, así que non te vas aburrir. Temos presentacións con imaxes espectaculares dos parques, roteiros ficticios e reais por algún destas contornas, e mesmo entrevistas a pé de rúa. E sabes a quen entrevistaron as alumnas do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense? Ah, terás que ver o vídeo para descubrilo.

De momento, podemos avanzar que Instagram é a rede social preferida dos nosos aspirantes. A maioría de vídeos publicados ata a data poden verse nela. YouTube ocupa o segundo lugar, mentres que TikTok aínda espera algunha estrea. Algún tiktoker na sala? 🦗🦗

Para os participantes no concurso que aínda non publicastes as vosas creacións, recordade que tedes ata o 7 de marzo para subilas ás redes sociais e mandarnos a ligazón ao noso correo. Estamos desexando ver que ideastes! E non esquezades etiquetarnos e engadir os hashtags do concurso á publicación: 

#ParqueVibras

#ConcursoNaturezaGalicia

#DescubreParquesGalicia

Iso é todo por agora. O equipo de #ParqueVibras temos un bol cheo de flocos de millo e imos a pasar o día gozando das estreas dos rapaces da ESO que, co seu traballo, están a axudar a poñer en valor o noso patrimonio natural.

Deixámosvos, que empeza xa!