Unha duna móbil dun quilómetro, a máis grande do noroeste peninsular; dúas lagoas, unha de auga doce e outra salobre; un lugar extraordinario para a observación de aves. Hoxe viaxamos ata o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, o único Parque Natural de Galicia situado no litoral.
Onde está?
No concello de Ribeira, na comarca do Barbanza (A Coruña), entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia. Ocupa unha superficie de preto de mil hectáreas. Foi declarado como parque natural en 1992.
A duna que move o vento
Sen dúbida este é o elemento máis destacado de Corrubedo. Trátase dunha duna móbil de algo máis dun quilómetro, 250 metros de ancho e que nos meses de inverno pode chegar ata os vinte metros de altura. Sitúase tras a praia da Ladeira e está en constante movemento pola acción do vento. A súa protección é prioritaria e, por iso, está prohibido andar sobre ela. Hai pasarelas habilitadas de madeira polas que poder camiñar e observala.

As lagoas
Ademais da duna, neste parque natural destacan as lagoas de Carregal e Vixán e as súas marismas. Son unhas zonas húmidas de gran valor, especialmente por seren refuxio de aves.
- Lagoa de Carregal: de auga salobre, nela conflúen varios ríos e, ao mesmo tempo, está comunicada co mar. Tamén está en continuo movemento polas correntes e os temporais habituais na zona.
- Lagoa de Vixán: é de auga doce, procedente do río dos Muiños e das infiltracións. O seu nivel varía moito en función da estación do ano, cunha profundidade media de entre un e un metro e medio. Conta cun observatorio de aves.
Fauna: anfibios, réptiles e aves
Os anfibios, xuntos cos réptiles e as aves, son o máis salientable da fauna do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. Uns datos que así o corroboran:
- Anfibios: das 14 especies catalogadas en Galicia, 10 delas atopámolas no parque. É o caso do sapo dos esporóns, o cal vive enterrado baixo a area e só sae pola noite.
- Réptiles: en Corrubedo viven 14 das 20 especies citadas na comunidade, como a cobra de colar ou o lagarto arnal.
- Aves: este espazo conta cun gran valor ornitolóxico e, de feito, foi incluído no listado do Convenio Ramsar sobre Humedais de Importancia Internacional. Á hora de poder observalas/atopalas hai que distinguir entre as tres áreas do parque: a marítima, Carregal e Vixán e a época do ano. No inverno podemos ver parrulos chupóns, corvos mariños, alavancos, garzas e ata cisnes reais. A píllara, a galiñola negra e a de río, o mazarico ou o bilurico pativerde son outras das aves deste ecosistema.

Rutas e miradoiros
O acceso ao Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é libre durante todo o ano. Moi importante seguir as rutas sinalizadas e camiñar só por onde está permitido. Actualmente hai cinco itinerarios habilitados, todos eles de dificultade baixa e unha duración de entre 30 minutos e dúas horas. Asimesmo conta con dous miradoiros: o de Castro da Cidá e o da Pedra da Ra; desde este último pódese ver moi ben a duna móbil, ademais das Illas Atlánticas, sobre todo a de Sálvora.
Neste parque natural tamén podemos atopar ata once especies de orquídeas; unha delas, a espiral do verán (Spiranthes aestivalis), está en perigo de extinción. En resumo, o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un lugar cunha gran riqueza paisaxística e ecolóxica, un auténtico tesouro do noso litoral que cómpre coñecer e conservar. Será o elixido cando gañes o concurso #ParqueVibras?

