1. Entidade organizadora
O Concurso “#ParqueVibras” (en adiante, o “Concurso”) está organizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, con enderezo en San Lázaro s/n, CP: 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).
2. Obxecto do Concurso
Este Concurso ten como finalidade sensibilizar e dar a coñecer entre o estudantado de secundaria o valor do patrimonio natural de Galicia, implicándoo no seu respecto e coidado. Trátase dunha proposta na que a divulgación ambiental farase a través dun dos mellores medios cos que conectar actualmente coa xuventude: as redes sociais.
En concreto, o Concurso centrarase nos seguintes parques naturais:
- Parque Natural Fragas do Eume
- Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
- Parque Natural do Monte Aloia
- Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
- Parque Natural O Invernadeiro
- Parque Natural Serra da Enciña da Lastra
Para iso convócase un concurso a través das redes sociais Instagram, TikTok e YouTube cuxo premio será unha visita a un dos parques naturais de Galicia para toda a clase dos alumnos gañadores en cada categoría.
3. Ámbito territorial e participantes
No Concurso poderán participar estudantes de 3º e 4º da ESO que residan en Galicia e estean matriculados nalgún centro galego educativo durante o curso 2025-2026. É posible facelo individualmente ou en grupo (mínimo de dúas persoas).
4. Ámbito temporal
O período de participación no Concurso comezará o 17 de novembro de 2025. O peche para inscricións será o 23 de xaneiro de 2026 e o de envío de vídeos o 6 de febreiro de 2026. Non se considerarán as participacións recibidas fóra do período mencionado.
5. Tema do Concurso
Os participantes deben crear un contido audiovisual centrado nos Parques Naturais de Galicia. Deberán resaltar a súa importancia ambiental, cultural ou social, o seu valor natural, elementos destacables, como podemos axudar a conservalos…
6. Formato dos traballos
O formato debe ser un vídeo pensado para a súa difusión nas redes sociais TikTok, Instagram ou YouTube.
6.1. Duración recomendada
Non máis de 3 minutos (aínda que a duración mínima ou máxima non é estrita).
6.2. Formato
O vídeo debe estar adaptado ao formato de cada RRSS.
6.3. Plataformas
Os vídeos subiranse nas contas de TikTok, Instagram ou YouTube dos centros nos que estean matriculados os alumnos (tamén se pode crear un perfil específico para participar no concurso). Non se admiten vídeos desde contas persoais.
7. Publicación do contido
7.1. Hashtags
Os vídeos deberán ser publicados cos seguintes hashtags obrigatorios:
#ParqueVibras
#GaliciaCalidade
7.2. Etiquetas
Todos os vídeos deben etiquetar a conta oficial do Concurso para que os organizadores poidan validar as publicacións.
Unha vez publicado, o enlace do vídeo debe ser enviado a través do formulario dispoñible na web oficial do concurso ao correo electrónico que determine a organización.
7.3. Contas a seguir
Para poder participar é imprescindible seguir algún dos perfís do concurso:
- https://www.instagram.com/parquevibras/
- https://www.tiktok.com/@parquevibras
- https://www.youtube.com/@ParqueVibras
8. Parámetros xerais para as tres canles
Uso de subtítulos: recoméndase engadir subtítulos ou textos explicativos para que o contido sexa máis accesible, así como título, portada e créditos finais.
Licenza de música: se os participantes usan música nos seus videos, deben asegurarse de que sexa libre de dereitos ou proporcionada polas bibliotecas de música oficial de TikTok, Instagram ou YouTube.
9. Contido do Concurso e cesión de dereitos
Os participantes garanten que o contido é 100 % orixinal, creado polo participante ou grupo e non infrinxe dereitos de terceiros. Non se permite o emprego de material protexido por dereitos de autor sen os permisos correspondentes.
Pode gravarse nos propios parques, pero non é un requisito.
Os vídeos deberán cumprir coas normas da comunidade de TikTok, Instagram ou YouTube, non permitíndose contido inadecuado, ofensivo ou violacións de dereitos de autor.
Non se permitirán contidos de carácter político nin a aparición de persoas famosas/relevantes.
Os concursantes aceptan ceder os dereitos de uso dos seus vídeos para a difusión do concurso e a súa promoción en redes sociais.
10. Idioma do Concurso
O idioma empregado en tódolos contidos que participen no Concurso deberá ser en galego (incluídos os subtítulos, música e elementos gráficos).
11. Comunicación
O presente Concurso comunicarase durante o período no que se atope activo a través dos seguintes medios:
- Web do concurso (bases, categorías, premios, proceso + formulario).
- Redes sociais propias do concurso.
- Redes sociais da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente.
- Redes sociais e webs dos centros educativos.
- Redes sociais dos membros do xurado e creadores de contido.
- Cartelería/dípticos en colexios e institutos, centros deportivos, casas de cultura, xuventude, bibliotecas…
12. Mecánica do Concurso
Os interesados poderán participar do seguinte xeito:
1. Inscrición: os estudantes deben inscribirse a través dos seus centros de ensinanza ou directamente na web oficial do concurso. É imprescindible que a inscrición a realice unha persoa maior de idade que figure como responsable (profesor/a, titor/a, director/a, xefe/a de estudos… do centro onde está matriculado). Para que o rexistro se considere completado, hai que ler e aceptar as Bases Legais do Concurso, así como o documento de Cesión de Dereitos de Imaxe e Son (asinado pola nai/pai/titor legal de cada menor participante) e Cesión de Dereitos de Propiedade Intelectual (asinado polo responsable de cada grupo). Tódolos rexistros serán confirmados por correo electrónico.
Polo feito de realizar a súa inscrición, o participante:
-
- Mostra a súa conformidade cos termos expresados nas Bases do Concurso.
-
- Acepta de manera inapelable as decisións do xurado do Concurso, que actuará en aplicación das presentes Bases.
-
- Acepta recibir información relacionada co Concurso a través dos medios facilitados no formulario de rexistro.
-
- Autoriza a inclusión dos seus vídeos nas redes sociais da Xunta de Galicia e as súas páxinas web.
-
- Autoriza á Xunta de Galicia a utilizar os vídeos dos participantes en calquera actividade de difusión gráfica, cultural ou expositiva, incluida a publicación nos medios impresos e dixitais que se consideren.
2. Publicación: o vídeo debe publicarse en TikTok, Instagram ou YouTube empregando os hashtags obrigatorios e mencionando ao perfil do Concurso. Deberá ser na conta do centro ou unha creada especificamente para participar en #ParqueVibras.
3. Envío: o enlace ao vídeo debe enviarse a través do formulario ou correo electrónico oficial do Concurso (concurso@parquevibras.gal).
13. Premios do Concurso
13.1. Selección de finalistas
Seleccionaranse tres finalistas por cada provincia (independentemente de participar individualmente ou en grupo). A eles sumaráselles o vídeo máis viral desta II edición, que non se coñecerá ata días previos á entrega de premios porque poderá sumar ‘likes’ ata esas datas.
13.2. Premios
Haberá un máximo de cinco premios*: un por cada provincia + vídeo máis viral (en caso de coincidir serían catro premios). Tanto se a participación foi individual como en grupo, poderán desfrutalo tódolos compañeiros da clase do gañador/es.
O premio consistirá nunha excursión a un dos seis Parques Naturais de Galicia da presente promoción cunha visita guiada interpretativa para aprender sobre a biodiversidade e os ecosistemas locais. Inclúe gastos de desprazamento e actividades.
* Non se inclúen as comidas.
** En tódolos casos deberán ir acompañados dun docente/responsable.
**** En ningún caso se poderá cambiar o premio polo seu valor económico.
14. Xurado do Concurso
14.1. Criterios para valorar os traballos:
- Creatividade: innovación, dinamismo e orixinalidade no guión e presentación do contido.
- Precisión: claridade e rigor na información.
- Coñecemento: demostrar comprensión sobre a importancia dos Parques Naturais de Galicia.
- Presentación: calidade técnica do vídeo (imaxe, son, efectos visuais, emprego de música de fondo para crear ambiente…).
- Centrarse nalgún dos parques menos coñecidos.
- Aparición do propio alumnado.
- Saber suplir a falta de recursos con imaxinación (por exemplo empregando as zonas verdes do centro como fondo).
- Emprego de subtítulos.
- Presenza de portada e créditos finais.
- Ortografía correcta.
- Uso de transicións.
- Valor divulgativo e educativo.
- Repercusión en redes (viralidade).
- Capacidade para conectar co público mozo.
O xurado poderá declarar algún premio deserto se considera que os traballos presentados non cumpren os requisitos establecidos.
14.2. Composición do xurado
O xurado estará composto por:
-
- Especialistas en conservación da natureza e Parques Naturais de Galicia.
-
- Profesores de Educación Secundaria.
-
- Expertos en comunicación e creación de contido audiovisual en redes sociais.
-
- Persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
15. Publicación dos finalistas
O nome dos finalistas coñecerase o 27 de febreiro de 2026. Farase público a través da web do Concurso e as súas redes sociais. A organización tamén mandará un correo aos seleccionados para comunicarlles a decisión.
16. Entrega de premios
A entrega de premios celebrarase nunha gala especial na semana do 6 de abril de 2026. Se o espazo ten capacidade suficiente asistirán tódolos finalistas; de non ser así, unha representación de cada equipo (ademais do/s docente/s acompañantes). Nese acto farase público o nome dos gañadores.
17.Propiedade intelectual
Os participantes garanten que a titularidade de tódolos dereitos de propiedade intelectual sobre os materiais que presentan ao Concurso lles pertence e non foron presentados nin se van presentar a outro concurso.
Queda totalmente prohibida a presentación de materiais/ideas que poidan vulnerar os dereitos de propiedade intelectual de terceiras persoas, reservándose a organización do Concurso o dereito a eliminar a calquera participante que infrinxa esta prohibición, incluso se xa se fixo público o nome dos finalistas/gañadores.
Os participantes outorgan á organización do Concurso o dereito a facer uso dos materiais coa fin de valoralos e calificalos, podendo enviarllos a terceiras persoas (membros do xurado) para a súa valoración. Esta autorización non implica ningunha cesión de tales dereitos máis alá do Concurso nin para o seu uso cunha finalidade distinta á indicada.
De conformidade coa normativa de propiedade intelectual ou industrial de terceiros, os participantes ceden con carácter gratuito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tódolos dereitos de explotación e, en particular, os de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación sobre os contidos presentados, permitindo a súa difusión en tódolos medios e soportes que estime oportunos no marco da divulgación do Concurso, promoción dos Parques Naturais de Galicia e/o seu patrimonio natural, para a máxima duración legal dos dereitos cedidos e para todo o mundo.
Calquera irregularidade ou violación destas normas comporta a descalificación inmediata do participante.
18. Protección de datos
De conformidade co Regulamento (UE) 2016/679, Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), e coa Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD), cada participante coa aceptación destas bases legais consinte que os sus datos persoais sexan utilizados coa única fin de comunicarlle o premio se resulta gañador/a. Non se incorporarán os datos dos participantes a ficheiros con fins comerciais e/ou promocionais nin se cederán a terceiros.
19. Outras reservas
A participación neste Concurso supón a plena aceptación destas Bases, así como da súa Política.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia resérvase o dereito a suspender este Concurso en caso de mal funcionamento, incumprimento das presentes Bases, así como outra causa de forza maior que impida a súa celebración de conformidade co aquí disposto.

