Unha antiga calzada romana, fervenzas, pozas, máis de 600 especies de flora, aves rapaces, cervos, cabras… Prepara a mochila porque imos ata a Baixa Limia-Serra do Xurés, o Parque Natural máis grande de Galicia.
Onde está?
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés sitúase no sur da provincia de Ourense. Pertence a seis concellos: Entrimo, Lobios, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín. Xunto co Parque Nacional Peneda-Gerês, na parte portuguesa, forma a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, unha das zonas protexidas máis grandes da Unión Europea. É o máis extenso dos Parques Naturais de Galicia: cerca de 30.000 hectáreas.
Unha flora moi diversa
A metade da superficie do parque é matogueira e pastizais. No resto altérnanse os bosques de ribeira cos soutos, carballeiras, bidueirais… cunha gran diversidade, ata o punto de que a flora do parque supera as 600 especies. Dentro delas sobresaen algunhas cualificadas como “raras”, como o azareiro, un arbusto ameazado, ou o endemismo Eryngium duriaei subsp. juresianum, umbelífera, en perigo en España e que ten no parque a mellor das súas catro poboacións. Dentro da flora deste parque natural destaca tamén o lirio do Xurés, en perigo crítico de extinción.

Aves rapaces, corzos ou cabras
A diversidade ornitolóxica é outro dos sinais de identidade do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés. Acolle preto do 76% das aves censadas de Galicia, destacando aves rapaces como a aguia real, unha especie moi ameazada, a aguia perdigueira ou o bufo real. O miñato abelleiro, o falcón peregrino, a andoriña dáurica ou os merlos rubio e azul son outras das aves do Xurés.
En canto ás 40 especies de mamíferos que habitan neste parque, podemos mencionar o gato bravo, a lontra, a marta, o desmán, o lobo, os corzos, cervos, así como a cabra brava, cuxa reintrodución iniciouse no ano 1997.
Castros, hórreos ou calzadas romanas
Monumentos megalíticos –como a necrópole de Maus de Sala ou a de Outeiro de Cavaladre en Muíños–, castros (coma o de Outeiro de Cela ou o de Taboadela) e construcións populares, como hórreos, muíños ou fornos de pan, son exemplos do rico patrimonio material deste parque natural.
Ata os romanos chegaron ao Xurés! O legado máis destacable desta época é a Vía Nova, unha calzada que comunicaba as cidades de Braga e Astorga e que atravesa o parque. Actualmente forma parte da rede estatal de Camiños Naturais e pode percorrerse a pé ou en bicicleta. Para sinalizar as distancias empregábanse os denominados miliarios. Na Vía Nova atopáronse 276 destes cilindros, dos cales unha gran maioría poden verse agora en Portela de Home, un paso fronteirizo entre España e Portugal.

Rutas recomendadas
No Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés hai 11 rutas sinalizadas, de diferentes dificultades e duración. Para os máis expertos de todo está o Vieiro das Mámoas, con 49 kms que se percorren nunhas 22 horas. Para aqueles que busquen algo un pouco máis levadeiro, propoñémoslle:
- Río Vilameá: é a ruta máis curta con 1,7 quilómetros que se percorren nuns 45 minutos. Transcorre polas marxes do río Vilameá, ao longo do cal podemos ver ata doce muíños, algúns deles restaurados.
- Río Mao: un percorrido circular, de 3,4 km (dúas horas), que nos levará por muíños, fervenzas e pozas nas que poder darse un baño. Iso si, recoméndase facer no verán porque o resto do ano as crecidas do río poden impedir o paso nalgunhas zonas e, ademais, a auga estará friísima!
- Ermida do Xurés: ao longo dos seus 4 km pasarás por aldeas como a de Vilameá, capelas, alvarizas (construción para protexer as colmeas), desfrutando dunhas vistas únicas do val do río Caldo e a Serra de Santa Eufemia.
- Corga da Fecha: de dificultade alta (3,6 km en 3 horas) é unha das rutas máis recomendables do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Transcorre polo trazo da Vía Nova, pasando pola espectacular fervenza da Corga da Fecha.
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é un lugar que nos ofrece cultura, natureza e desconexión; deses que hai que descubrir con calma. Será o elixido cando gañes o concurso #ParqueVibras?

